Skip links

Curso de Turismo, Educación e Ocio vinculados á ornitoloxía na costa norte de Galicia.

O principal obxectivo deste proxecto é facilitar á mocidade do extremo norte da nosa Comunidade Autónoma, e de Galicia en xeral, das ferramentas necesarias para aproveitar a práctica da ornitoloxía (a observación de aves) como:

1- oportunidade para o impulso de iniciativas do fomento do turismo sustentable vinculado á observación da natureza.
2- recurso de lecer persoal e/ou familiar.
3- instrumento educativo nos planos da educación tanto formal como informal.

O turismo ornitolóxico medrou de maneira exponencial no noso país de maneira moi rechamante nas últimas décadas, ata o extremo de que xa son varias as feiras internacionais que se celebran ao redor del cada ano, e moitos os turistas que se desprazan ata España en todas as estacións para observar as nosas aves.

En Galicia, o paso outonal de aves de mariñas fronte á costa norte da nosa Comunidade é un dos maiores atractivos que podemos ofrecer ao turismo tanto nacional como internacional. Así é como o cabo de Estaca de Bares (Concello de Mañón), a mellor atalaia de toda Europa para o estudo e a observación de aves oceánicas, recibe cada tempada a gran número de visitantes. Isto converte ás aves mariñas e as súas viaxes, visibles de maneira tan particular desde este cabo, nun atractivo turístico que é moi pertinente e necesario saber aproveitar de maneira sustentable e congruente coas expectativas do tipo de turistas que ata aquí veñen.

Ao mesmo tempo, como recurso de lecer persoal e/ou familiar, a observación de aves mostrouse nas últimas décadas como unha das actividades que máis rapidamente gaña adeptos en todo o mundo occidental. Débese isto non só á propia fermosura destes animais e a súa presenza sobre todo en destinos naturais de gran valor paisaxístico, as facilidades de transporte para a cidadanía en xeral a destinos outrora de acceso complicado, a proliferación de libros e audiovisuais (documentais…) sobre ornitoloxía, a facilidade actual de compartir datos, fotografías ou vídeos por internet (a través de blogues, redes sociais, etc…), e outros motivos. A todos eses e outros factores súmase o feito de que a ornitoloxía vén revelando, segundo indican cada vez maior número de psicólogos e mesmo pediatras, como unha das actividades de tempo libre capaces de facilitar aos seus practicantes un maior número de retos e satisfaccións: faise exercicio físico ao pasear en busca das aves, escoitalas e observalas con atención; faise exercicio intelectual ao identificar as diferentes especies, estimar as súas cifras, extraer tendencias a través da análise destas, escribir / compartir conclusións…; por último, faise exercicio emocional ao gozar con frecuencia de fermosos momentos de contemplación no tipo de ámbitos naturais máis propicios a isto.

Por último, son tamén cada vez máis os profesionais da educación que se serven das aves como ferramenta pedagóxica, para abordar moi diferentes contidos curriculares, tan variados como xeografía e clima planetarios (a través das migracións), ou próxima (especies diferentes en diferentes paisaxes), lingua (nomes das aves en galego, castelán e inglés), biodiversidade, conservación da natureza, etc.

O que pretende este curso, en suma, é revelar aos participantes as extraordinarias oportunidades, ata agora pouco recoñecidas, que as aves da costa norte de Galicia, e en particular as aves mariñas que por aquí migran cada outono rumbo ao sur, ofrecen para estes tres ámbitos: turismo, lecer e educación. E sementar, desta maneira, futuras iniciativas de todo tipo, tamén profesionais, nestes mesmos tres planos.

Obxectivos

Son obxectivos deste proxecto:

– Facer ver aos participantes o potencial do turismo ornitolóxico en Galicia en xeral, e nesta comarca en concreto, como potencial fórmula de apoio a iniciativas vinculadas ao sector turístico en xeral. Por exemplo, na formulación de ofertas de lecer alternativo para os visitantes desta e outras zonas de Galicia.

– Facerlles coñecedores do perfil habitual dos practicantes do turismo ornitolóxico, así como das claves que aseguran a súa sustentabilidade.

– Dar a coñecer aos participantes a diversidade de especies de aves que ao longo das estacións utilizan dunha ou outra maneira (invernada, cría, migración) a costa norte de Galicia e sobre todo a zona de mar inmediata. Así como as características das diferentes paisaxes que cada unha delas utiliza.

– Facilitarlles as ferramentas básicas para recoñecer por si mesmos unha ampla cantidade de especies de aves de Galicia, con particular atención ás aves mariñas, que son nas que esta zona da península Ibérica destaca a nivel europeo.

– Mostrarlles a práctica da ornitoloxía como unha fórmula de lecer de enorme atractivo (e por tanto vinculada, unha vez máis, ao turismo), que se pode practicar con espírito tanto competitivo como contemplativo, e o mesmo a través da observación con espírito científico como a través da fotografía con ánimo creativo.

– Mostrarlles as claves de por que e como a afección pola observación de aves converteuse nos últimos anos nunha actividade que reúne a cada vez maior número de practicantes de todas as idades.

– Introducirlles ás claves desa afección á observación de aves: óptica, guías, desprazamentos, recursos online…

– Revelarlles ademais o valor pedagóxico da ornitoloxía como recurso educativo (e ao turismo educativo), nos termos expresados no apartado anterior.

– Poñer en valor a importancia da conservación das aves e os seus hábitats por estes e outros motivos, e neste sentido darlles a coñecer as principais leis e ferramentas legais existentes en materia de conservación de aves.

– Poñer en contacto, a través deste encontro, a aqueles mozos da comarca e do resto de Galicia especialmente interesados na observación das aves en calquera dos tres ámbitos sinalados: turismo, lecer e educación.

Os concellos de O Vicedo e Mañón

O ámbito territorial deste proxecto son os municipios do Vicedo e Mañon, ambos os situados no extremo norte de Galicia, e integrados na Rede Natura 2000, por estar parte do seu territorio dentro das ZEC (Zona de Especial Conservación) Estaca de Bares, a ZEPA (Zona de Especial Protección das Aves) Costa da Mariña Occidental, e consituir as súas augas mariñas inmediatas a zona central da ZEPA (Zona de Especial Protección das Aves) Espazo mariño de Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira – Estaca de Bares.

Se queres saber máis sobre os nosos concellos:

Concello do Vicedo

Concello de Mañón

Participantes: de 18 a 30 anos

Este proxecto está destinado a un máximo de 20 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos con interese polas aves silvestres en particular e a natureza en xeral, con vontade de iniciarse de maneira activa nas claves do turismo ornitolóxico e na práctica da ornitoloxía como forma de lecer.

Tamén a aquelas que orienten a súa vocación profesional actual ou futura nese ámbito do turismo, e/ou ámbito educativo, e mesmo que desexen formación específica no que as aves poden achegarlles nestos sentidos.

Así, teñen cabida nel un amplo abanico de perfís, o cal enriquecerá enormemente tanto a convivencia durante estes días como a participación, o intercambio de opinións e de feito a propia adquisición de coñecementos.

Os participantes terán a súa disposición óptica de observación, durante o curso:

-Fichas e material de traballo.
-Caderno de campo.
-Óptica (telescopios, prismáticos) de préstamo.
-Guías de aves de préstamo.
-Documentos en PDF que se lles entregarán en formato DVD.

Recorda: este curso é gratuíto, pero non inclúe transporte dos participantes desde os lugares de orixe, alimentación nin pernoctación.

Se precisas transporte ás diferentes actividades, pregunta na dirección de contacto.

Programa do curso

As actividades desenvolveranse en tres días, de acordo co seguinte horario:

 

4 DE OUTUBRO

 

Concello de O Vicedo

Mañá: Actividades na aula, de 09.00 a 12.00.
1-Presentación do curso, a cargo das autoridades e profesorado.
2-Charlas formativas, apoiadas en audiovisuais:
– Paisaxes do norte de Galicia.
– Aves terrestres do norte de Galicia.
– Aves mariñas do norte de Galicia.
Obxectivo: ofrecer aos participantes unha completa panorámica das paisaxes e especies de aves máis comúns e atractivas desta zona de Galicia, de forma que teñan unha visión o máis sintética e á vez completa posible das características deste lugar desde o punto de vista ornitolóxico.

Mañá: Actividades ao aire libre, de 12:00 a 14:00
Paseo ornitolóxico:
Desde a praia de Xilloi, no municipio de O Vicedo: percorrido de ida e volta ata o miradoiro da illa Coelleira, por un tramo do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico.
Obxectivo: contrastar o aprendido no campo, e comezar a traballar coa óptica e as guías de campo, coa axuda do profesorado, na identificación das especies máis comúns. Coñecer de primeira man, ademais, algúns das paisaxes máis características e valiosos desta zona. Establecer contacto co resto de participantes de maneira amena.

Mediodía, de 14:00 a 16:00
– Descanso para xantar.

Tarde, de 16.00 a 21.00:
Cabo de Estaca de Bares
– Observación de aves desde o observatorio ornitolóxico de Estaca de Bares.
A actividade consistirá en observar as aves mariñas e atender ás explicacións do monitor acerca das diferentes especies que se vexan, sobre as súas orixes (Siberia, norte de Europa, Islandia, Groenlandia…) e destinos (Atlántico sur, costas de África ou Sudamérica…). Desde alí poderanse observar, potencialmente, especies como pardelas (balear, furabuchos, cincenta, escura, capirotada), palleiras (grande, parásita, pomarina, rabera), carráns (común, ártico, cristado…), pentumeiros, álcidos, etc.
Objetivo: ter un primeiro contacto coa observación de aves mariñas en paso. Fortalecer, ao longo da tarde, os coñecementos adquiridos na aula e o paseo da mañá, e así mesmo o contacto entre os participantes.

5 DE OUTUBRO

Concello de Mañón

Mañá: Actividades na aula, de 09.00 a 12.00.
Charlas formativas, apoiadas en audiovisuais:
– As migracións das aves terrestres e mariñas.
– A conservación das aves silvestres.
Obxectivo: revelar aos participantes as claves das migracións das aves, os seus diferentes “instrumentos de navegación”, métodos de estudo e resultados destes. Tamén as principais vías migratrias globais, e en concreto europeas, con especal atención ás que pasan por Galicia, e que afectan a especies tanto mariñas como terrestres. Na segunda sesión, coñecer as principais leis que afectan á conservación das aves e as paisaxes naturais, prestando particular atención ás directivas europeas que definen a Rede Natura 2000, principal instrumento legal de protección das aves desta zona.

Mañá: Actividades ao aire libre, de 12:00 a 14:00
Paseo ornitolóxico:
Desde a Vila de Bares ata o monte de Cañoles, no municipio de Mañón.
Obxectivo: dispoñer dunha estupenda panorámica desta costa, a fin de comprender as as diferentes estratexias migratorias (mar, terra, vales, altos…) que seguen unhas e outras especies segundo sexan as súas necesidades. Identificar algunhas destas especies. Comprender a importancia de cumes litorais como esta para as aves en paso, pola súa xeomorfoloxía e vexetación.

Mediodía, de 14:00 a 16:00
– Descanso para xantar.

Tarde, de 16.00 a 21.00:
Cabo de Estaca de Bares
– Observación de aves desde o observatorio ornitolóxico de Estaca de Bares.
Contidos: ver a tarde do día anterior.
Objetivo: traballar en grupos nas técnicas de seguimento das diferentes especies, extraendo aos poucos tendencias ao longo da xornada, e contrastar estas con as obtidas noutros anos, na mesma época, polos ornitólogos que seguen desde aquí o paso de aves. Comprender de primeira man a importancia dos ventos nesta zona para a chegada e observación de aves migradoras, e en consecuencia, a súa importancia capital á hora de prever a súa aparición ou non, para o seu estudo, contemplación en tempo de lecer, uso educativo ou aproveitamento turístico.

6 DE OUTUBRO

Concello de O Vicedo

Mañá: Actividades formativas na aula, de 09:00 a 14.00 (con breve descanso):
Charla – obradoiro formativo, apoiado en audiovisual:
– Introducción ao Turismo Ornitolóxico.
Esta charla – obradoiro, apoiada nos coñecementos adquiridos ao longo das dúas xornadas anteriores, abordará as claves do turismo ornitolóxico a nivel tanto global como en España e Galicia. Parte dos seus contidos, que se desenvolven a continuación, exporanse aos participantes en forma de diferentes actividades individuais e en grupo, a fin de fomentar o intercambio de puntos de vista e a participación activa.
Obxectivos: Coñecer como a observación de aves vén convertendo nunha actividade de enorme atractivo para cada vez máis persoas, e por tanto demandante de servizos (hostalería, transportes, documentación, etc) vinculados ao turismo de natureza.
Contidos:
– O Turismo Ornitolóxico no mundo e en Europa
– O Turismo Ornitolóxico en España
– O Turismo Ornitolóxico en Galicia
– O Turismo Ornitolóxico no norte de Galicia

Mediodía, de 14:00 a 16:00
– Descanso para xantar.

Tarde, de 16.00 a 21.00:
Cabo de Estaca de Bares
– Observación de aves desde o observatorio ornitolóxico de Estaca de Bares.
Contidos: ver a tarde do día anterior.
Objetivo: robustecer a aprendizaxe de campo adquirido nos días anteriores, adquirindo suficiente soltura e seguridade para ser capaces de coñecer a inmensa maioría das aves en paso.

Materiais

Recorda traer contigo bo abrigo e calzado e mesmo roupa para a chuvia, e se tes tamén uns prismáticos.

Cada participante recibirá, por outra banda:

-Fichas e material de traballo (carpeta, bloc, bolígrafos…) para o seu uso durante as actividades en aula.
-Caderno de campo para o seu uso durante as actividades ao aire libre.
-Óptica (telescopios, prismáticos), de préstamo e para compartir durante a duración do curso
-Guías de aves, de préstamo e para compartir durante a duración do curso.
-Documentos en PDF en formato DVD.

Monitores do curso

Antonio Martínez Pernas

Técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos.

Álvaro Barros López

Doutor en Bioloxía, ornitólogo experto en aves mariñas.

Sergio París Gómez

Educador ambiental do CEIDA e ornitólogo.

Antonio Sandoval Rey

Escritor, comunicador ambiental e ornitólogo experto en aves mariñas.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies